miércoles, 16 de enero de 2013

Entroido no Porriño






Participantes no xogo da ola, aló polos anos 50. 
Os primeiros recordos que teño do antroido do Porriño son as mimosas marcando o campo do xogo da ola, no barrio de San Benito. Alí, fronte ao Celtiña, todos os martes de antroido, unha roda de homes enfarruscados pasábanse as olas que xa estaban nicadas e non valían para a cociña. Cando a ola escachaba contra o chan, o causante tiña que pagala, no precio estipulado polo árbitro do xogo. Ese árbitro, que estaba subido nunha escaleira de man, era unha persoa de moito respecto para nós: era o que mandaba no xogo; quen tiña a decisión final nas disputas sobre se a culpa era do pasador ou do receptor; no precio das olas; nas multas que se metían, por protestar, aos xogadores e tamén, e  de aí a nosa cautela, ao público que asistía ao xogo tras das mimosas. De cando en cando paraban, ao berro de “a beber”, e a madriña repartía o viño tinto con azucar entre os participantes.
A xente miuda asistiamos ao xogo vestidos de mascaritas e coas caretas mercadas na da señorita Obdulia. 
Cando morreu o xeneral que todo o prohibía, o antroido voltou á rúa e, o xogo da ola, que había anos que xa non se xogaba, voltou  ter o seu sitio preferencial no carnaval.
Nun dos enterros da sardiña, non recordo que ano era, bautizamos a nova rúa que se abriu no campo de xogo, como rúa do xogo da ola, e así lle quedou e figura no rueiro do Porriño.
Cuquín no enterro da sardiña.
Penso que a idea foi de Cuquín, un carnavaleiro de pro que non só anima cos seus disfraces esas festas mais tamén o fai en praia América, creo que o segundo domingo de agosto, cos seus disfraces ben axeitados as cousas que deron que falar dende o antroido pasado.
Un día, foi detido por reivindicar a illa de Perexil vestido de mouro en praia América. A nova saiu no Faro de Vigo e foi causa de risa no Porriño. Non por Cuquín, que xa todos o coñecemos, senón polos gardas que realizaran tal proeza.

Se Cuquín foi o encargado de botar os últimos responsos á sardiña no seu enterro durante anos, Pepe Diz leu o seu testamento, xunto a Teté Delgado, en varios antroidos.
Pepe era unha persoa entrañable, dono da ferretería máis alucinante que eu vin na miña vida. Un lugar cheo de sorpresas onde podías atopar dende o parafuso que buscabas ata postais do Porriño ou mesmo unha guitarra española pintada de lunares.
Pepe amaba o teatro e trasmitía o seu amor por el a quen se achegara á ferretería. Teté, Araceli e moita máis xente fixeron os seus primeiros papeis na ferretería de Pepe.
Ese amor ao teatro foi o que o levou a participar coa nosa comparsa, Pajatú, no antroido que montamos a farsa da raiña Isabel, con gran éxito de público. Penso que a presencia de Pepe no esceario foi máis celebrada que a obra en si. A xente non parou de rir dende que Pepe subiu ao esceario ata que baixou. Por iso a sardiña, ano tras ano, deixaba no seu testamento un teatro para Pepe Diz.
Outro día contareivos cousas de Pajatú, a nosa comparsa. Quede hoxe esta cantiga que lle adicamos a Aznar e Paco Vázquez, uns meses despois de que fixeran gala da súa profunda amistade con motivo do afundimento do Prestige.

2 comentarios:

  1. Voume ter que facer de O Porriño...xa sei cousas ben interesantes e iso faime máis tramanqueiro.
    De Redondela a Porriño polos camiños cantando...

    ResponderEliminar
  2. Nesta gran festa de Baco os xogadores esforzábanse moi seriamente en que non lle caíse a eles a ola senón ao viciño, pola honra... e por non pagar a tirada (quen rompía pagaba). Entre ola e ola... a beber!!! Así que ás poucas olas as estiradas polo xabre eran gloriosas e custaban sangue nas mans, na cara e nos xeonllos, todo misturado co negro das olas... pero calquera cousa antes de pagar. Ao rematar o ghabexo de viño aquilo era "homérico"

    ResponderEliminar